Wednesday 15 de May de 2024

A Xunta súmase á celebración do Día Internacional da Danza coa nova convocatoria do Programa de Coproducións do Centro Coreográfico Galego


— A Consellería de Cultura abre o prazo de solicitudes para esta iniciativa á que destina máis de 45.000€na posta en marcha de tres novos espectáculos galegos

— Introdúcese unha modalidade específica para compañías emerxentes, á que se reserva unha das tres coproducións previstas

A Xunta de Galicia abre hoxe, Día Internacional da Danza, o prazo de solicitude do programa anual de coproducións que desenvolve neste ámbito a través do Centro Coreográfico Galego. Mediante esta convocatoria, contribuirase á chegada aos escenarios de tres novos espectáculos, en calquera das modalidades relacionadas coa danza e as artes do movemento, dos que un deles corresponderá a unha compañía emerxente.
O establecemento desta categoría específica para compañías ou profesionais con ata cinco anos de traxectoria é a principal novidade deste ano, co obxectivo de favorecer a incorporación de novos nomes, propostas e linguaxes ao actual panorama da danza en Galicia.
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades reserva máis de 45.000 euros a esta convocatoria, de xeito que se establece un límite de 14.999 euros, máis IVE, para cada un dos tres proxectos seleccionados. Ademais, poderán poñerse á súa disposición os recursos técnicos e de persoal do Centro Coreográfico Galego, tanto para os ensaios, como para a estrea e as primeiras representacións dos espectáculos adxudicatarios.
Segundo as bases dispoñibles na web da Axencia Galega das Industrias Culturais, esta iniciativa diríxese tanto a profesionais como a empresas dedicadas de xeito profesional á produción escénica e que desenvolvan a súa actividade maioritariamente en Galicia. A achega económica materializarase a través de cadanseu contrato de coprodución e non poderá superar o 80% do orzamento total do proxecto presentado.

Prazo ata o 18 de maio
O prazo de solicitude manterase aberto ata o vindeiro 18 de maio, mentres que o de execución será de 12 meses desde a sinatura do contrato. Neste período deberá levarse a cabo un mínimo de dúas representacións do espectáculo, ademais da súa función de estrea.

Unha comisión será a encargada de valorar as solicitudes, de acordo cun baremo de puntuacións que se aplicarán ás memorias tanto do proxecto como da traxectoria profesional do seu equipo artístico e que terá en conta tamén a porcentaxe económica solicitada sobre o orzamento total.

Plan Integral para a Danza de Galicia
O obxectivo deste programa de coproducións, promovido por sétimo ano consecutivo a través dunha convocatoria pública, é favorecer a produción de danza en todas as súas modalidades, impulsar a creación de espectadores para esta disciplina escénica e consolidar produtos culturais competitivos que xeren retorno. Entronca, neste sentido, cos obxectivos recollidos no Plan Integral para a Danza de Galicia, elaborado e publicado recentemente pola Xunta a partir dun proceso participativo co sector no marco do Plan Xeración Cultura.